Esta fin de semana tivo lugar o Festival Músicos Xoves, cita anual de todos os veráns no Rosal.

Desde a Agrupación Musical do Rosal apuntan: “A idea deste evento xurdiu coa intención de reunir no noso concello diferentes bandas que se caracterizasen por contar cun bo número de xente nova entre os seus membros, e así levar adiante un proxecto con continuidade e recoñecemento na bisbarra do Baixo Miño. Ademais, este festival pretende mostrar o importante labor que realizan as escolas de música na formación inicial dos músicos galegos e na mellora da calidade das bandas populares. Parece que foi onte cando se empezou a celebrar e xa vamos pola 30 edición. Corría o ano 1989 cando se realizou a primeira edición, sendo un dos primeiros festivais de bandas que se organizaron en Galicia e consolidándose, co tempo, como un dos mellores, e polo cal levan pasado bandas de toda a nosa comunidade, España e Portugal.”

O sábado31 de agosto tivo lugar na Praza do Calvario ás 20:30 horas o Festival de Bandas. Este ano participaron dúas bandas da provincia, a Banda de Música de Chapela, e a Banda Escola de Música de Beade. Como remate actuou a Banda da Agrupación Musical do Rosal baixo a dirección de Javier Alonso Pérez.

Onte domingo 1 de setembro foi o turno das corais na Igrexa Parroquial de Santa Mariña ás 20:00 horas, actuando a Coral Frol Nova de Chapela, a Coral Polifóncia Cantores de Arnoia (Ourense) rematando a xornada a Coral da Agrupación Musical do Rosal.

Queremos agradecer de xeito particular a Luis Dorado pola cesión das súas imaxes do evento, así como facer un recoñecemento público á Agrupación Musical polo seu gran traballo no ámbito musical no noso Concello.