Este órgano consultivo celebrou a súa segunda reunión, ao que se sumaron as comunidades de montes do Rosal

O Concello do Rosal continúa dándolle pulo á participación cidadá, nesta ocasión dentro do seu compromiso co medio ambiente, coa preservación da contorna e coa natureza. Esta semana celebrouse a segunda reunión do Consello Municipal de Medio Ambiente, integrado por persoas e representantes de asociacións relacionadas con este sector e ao que nesta ocasión se sumaron as comunidades de montes do Rosal.

Nesta ocasión as persoas participantes puxeron sobre a mesa diferentes accións e iniciativas a desenvolver no municipio ao longo deste ano, como pode ser a celebración dunhas xornadas de enerxía nas que abordar diferentes temas que poidan interesar ao público ou a realización de saídas periódicas para a limpeza de ríos ou para plantacións simbólicas, entre outras.

Outro dos temas que saíu durante a reunión foi a dos vertidos, especialmente os clandestinos de entullo, para os que se tratará de buscar solucións para atallalos e recuperar o espazo. A diferente vexetación e a incidencia das especies invasoras na zona de ribeira foi outro dos aspectos debatidos, sobre o que se propuxo ir facendo retiradas en diferente zonas emblemáticas repoboando antes de eliminar a actual vexetación.

A xestión dos lumes foi outra das cuestións abordadas. As e os integrantes do Consello resaltaron a importancia de buscar solucións ás 300 Ha de matos particulares abandonados, un gran problema para a correcta xestión dos incendios. Cortalumes das comunidades de montes, permutas ou a publicación dun bando recalcando a obrigatoriedade da limpeza de fincas foron algunhas das ideas propostas para reducir riscos. Ademais, tamén se puxo sobre a mesa a posibilidade de facer unha memoria e tratar de dispoñer dun retén de incendios dende o propio Concello.

Este consello é un órgano consultivo integrado por persoas e representantes de asociacións relacionadas coa natureza e como medio ambiente que serve de foro aglutinador de ideas, propostas, preguntas e respostas sobre as actuacións medioambientais que se están levando a cabo no Concello do Rosal para ser un municipio máis sustentable.