En coordinación con Servizos Sociais dan resposta a diversas emerxencias xurdidas pola situación de vulnerabilidade que se xera co confinamento actual

Un equipo coordinado de voluntarios e voluntarias de Protección Civil está a traballar man a man co Concello do Rosal para atender e cubrir as diferentes necesidades xurdidas a raíz do estado de alarma, así como para atender emerxencias relacionadas co 112, que aumentaron de xeito significativo do confinamento obrigatorio para evitar contaxios por COVID-19.

Así, coordinados directamente con Servizos Sociais, 7 persoas de Protección Civil percorren os barrios informando a veciños e veciñas do estado de alarma e pedíndolles que sexan responsables e queden na casa e, entre outras tarefas, colaboran co Concello dando resposta a necesidades básicas de persoas maiores que están soas e nas diversas entregas de alimentos feitas por organizacións como SOS Tomiño no municipio rosaleiro. Trátase dun equipo de voluntarias e voluntarios que actúan de xeito totalmente altruísta e con todas as medidas de seguridade necesarias para poder desenvolver a súa actividade sen ningún tipo de risco.

Por outra parte, a Cruz Vermella Baixo Miño, unha asociación con ampla experiencia e traxectoria no ámbito social, tamén está en contacto directo co Concello do Rosal para colaborar nalgunhas emerxencias derivadas desta situación de alerta sanitaria.

Todas estas actuacións están sendo coordinadas desde Servizos Sociais, que nestes intres tan delicados está a traballar ao máximo rendemento e está sendo xestionado directamente dende Alcaldía para dar resposta rápida a unha das áreas de maior importancia nestes momentos.

Dende o Goberno municipal queremos agradecer o labor que están a desenvolver os voluntarios e voluntarias destas dúas entidades nestes intres, así como a todas aquelas asociacións e organizacións que traballan arreo e se ofrecen a colaborar co Concello para dar resposta a todas as necesidades que están a xurdir a raíz do estado de alarma, dende a entrega de alimentos ata a participación en calquera bolsa de emerxencia.

Agradecemos igualmente a toda a veciñanza pola resposta tan boa que está dando despois de que se fixese un chamamento á súa colaboración para que trasladasen ao Concello calquera situación de vulnerabilidade que detectasen desde o comezo do estado de alarma derivado do COVID-19.