Cinco plans imprescindibles na túa visita ao Rosal

Situado no suroeste de Galicia, nun territorio bañado e temperado polas augas do río Miño e o océano Atlántico, o microclima do concello do Rosal permitirache gozar da súa singular natureza, o seu rico patrimonio e tamén da súa oferta enoturística e gastronómica.

A continuación presentámosche unha serie de plans imprescindibles para descubrir O Rosal a través das súas paisaxes e o seu patrimonio natural e cultural. Poderás gozar destas propostas tanto se fas turismo en parella, se viaxas coa familia ou co teu grupo de amizades.

O Rosal é o lugar onde atoparás…

As zonas altas deste municipio do Baixo Miño contan cunha serie de puntos estratéxicos nos que poder gozar de boas panorámicas ao Val do Rosal, o tramo final do Pai dos ríos galegos e a veciña Portugal. Miradoiros naturais que, en moitos casos, son escenario de lendas e historias de tempos remotos…

Outra opción para contemplar a paisaxe do esteiro do Miño é percorrer a súa ribeira facendo a Senda dos Pescadores (PR-G 112), unha ruta homologada de sendeirismo de percorrido lineal que vai desde a praia das Eiras (río Miño) ata a zona das Aceñas (río Tamuxe).

Pero, se en vez de mirar cara ás zonas interiores dirixes a túa ollada cara á costa, poderás contemplar uns solpores únicos. Na Cruz da Portela terás un bo balcón ao Atlántico desde o que espiar ao sol mentres se baña no océano xusto antes da máxica hora do luscofusco.

Para gozar das “mellores vistas ao Pai Miño e á inmensidade do Atlántico” recomendámoste:

Poñer calzado cómodo e botarse a andar para atopar relax, natureza e patrimonio é sempre unha boa opción no Rosal. Na ruta de sendeirismo dos Muíños do Folón e do Picón conflúen harmoniosamente a paisaxe, o bosque e un importante conxunto etnográfico composto por 67 muíños hidráulicos dos séculos XVII e XVIII.

Pola súa banda, no Sendeiro de Pescadores e nas áreas recreativas que ofrece ao longo do seu percorrido descubrirás interesantes exemplos de bosque de ribeira, especies protexidas de flora e fauna e algunhas mostras de arquitectura civil e industrial, como a Ponte do Tamuxe e as ruínas dun serradoiro próximo a ela.

Este concello baixomiñoto é tamén o berce dos cabaqueiros, tal e como lembra o monumento situado na céntrica Praza do Calvario. Toda unha homenaxe ao sacrificio e saber facer de todos os rosaleiros que traballaron neste duro oficio, hoxe en extinción, e ás familias que loitan por manter vivo o rico acervo cultural vinculado a este traballo.

Para atopar os mellores “lugares onde conectar coa natureza, a historia e a tradición” recomendámoste:

Con cada paso na túa ruta polo Rosal descubrirás a pegada que a historia foi deixando na paisaxe: desde gravados prehistóricos e sepulcros escavados na rocha ata pequenas ermidas e grandes igrexas de interesante arquitectura.

O Rosal é a terra dos muíños, pero tamén está salpicado de outras mostras de patrimonio etnográfico, como os cruceiros e petos de ánimas, coñecidos na zona como almiñas. Presta atención nos cruces de camiños, pois raro será que non atopes algunha mostra desta interesante arquitectura popular.

Cruceiros e almiñas son froito do traballo de xeracións de canteiros que achegaron o seu esforzo e saber facer á construción destas estruturas, pensadas para protexer os camiños, pedir indulxencias ou lembrar algún feito relevante. Cada vez que atopes unha destas obras repara nas figuras e inscricións que aínda conservan…

Para gozar das “sorpresas nos camiños” recomendámoste:

Un refrescante baño no río, facer unha ruta de sendeirismo, pasear en bicicleta, andar en kaiak ou observar aves no esteiro do Miño son algunhas das experiencias que podes elixir durante a túa estancia nestas terras. A oferta de turismo activo no Rosal inclúe innumerables posibilidades, case tantas como a túa imaxinación permita.

E se, pola contra, estás buscando plans máis tranquilos para activar os teus sentidos, tamén poderás pasar unha relaxante tarde á sombra dun bosque autóctono, buscar un miradoiro no que sentir a brisa mariña, pasear por viñedos, degustar un albariño do Rosal ou descubrir algunhas das bondades da gastronomía baixomiñota.

Se queres vivir “experiencias únicas para activar os sentidos” recomendámoste:

Tras cruzar o Miño e entrar en terras galegas polo concello da Guarda, o Camiño Portugués da Costa continúa o seu percorrido cara a Compostela atravesando os 3 km do litoral rosaleiro.

Se elixes descubrir o Rosal como peregrino do Camiño de Santiago, estas terras agasallarante coa húmida brisa atlántica, o son do bater das ondas e cunha paisaxe de contrastes entre a beira do mar e os rochosos cumios da serra da Groba.

Sen dúbida, a túa experiencia será plena cando descubras a hospitalidade das xentes que viven ás beiras da ruta xacobea, nos núcleos tradicionais de Portecelo e San Xián.