O Concello achega ás familias unha serie de pautas para xestionar este tema cos rapaces e rapazas e unha serie de precaucións a tomar

O sexting consiste en compartir de forma voluntaria mensaxes, fotos ou vídeos de contido sexual a través aplicacións de mensaxería móbil ou das redes sociais, unha práctica que se está disparando na corentena e que creceu de forma importante entre a xente máis nova durante este tempo de confinamento. Unha práctica de risco, dado que moitas veces ese contido pode ser compartido sen permiso. Por este motivo, o Concello do Rosal quere achegar ás familias unha serie de recomendacións para abordar este tema cos rapaces e rapazas, así como unha serie de pautas e precaucións para xestionalo do mellor xeito.

RECOMENDACIÓNS SEXTING

Os expertos recomendan unha comunicación aberta e sen tabús para poder falar este tema cos fillos e fillas dun modo positivo e construtivo, tratando de sacar o tema sen que resulte invasivo ou incómodo, e que pareza o máis natural posible: a través dunha serie, dun libro, dunha noticia… É importante falar con eles e elas do concepto de privacidade e explicarlles que o contido que se sobe ás redes sociais deixa de estar baixo o seu control, xa que se comparte moi facilmente.

Prohibir a determinadas idades pode ser un erro, por iso é mellor recomendar en positivo: explicarlles que é mellor non enviar fotos de contido sexual a ninguén pero que, se o fan, procuren que non saia a súa cara nin nada que poida identificalas ou identificalos para evitar riscos de ser recoñecidos no caso de que esa imaxe poida viralizarse. Débese lembrar que a confianza é moi importante e que non se fíen de persoas que coñecen dende hai pouco.

É importante lembrarlles tamén que todas as persoas son libres de enviar e recibir contido íntimo e privado, pero redifundilo é un delito grave. Ninguén merece que se viole a súa intimidade, polo que os rapaces e rapazas deben ter claro que se lles reenvían material sen consentimento doutra persoa non poden ser parte da cadea que viraliza este contido, senón que debe borrar a imaxe ou o vídeo e empatizar coa situación imaxinando como se sentirían se fosen els ou elas.