PR-G94 Ruta dos Muíños do Folón e do Picón

 

Muíños do Folón e do Picón

Unha harmoniosa paisaxe símbolo do esforzo e do traballo colectivo

A ruta dos Muíños do Folón e do Picón transcorre a través de algo máis de 3 km de camiños nos que a paisaxe natural e o patrimonio etnográfico conviven nun harmonioso equilibrio. A conxunción destes dous elementos crea estampas de gran beleza onde os muíños aparecen agrupados e aliñados, en formación de fervenza, aproveitando a pendente das ladeiras da Groba. O conxunto está composto por un total de 67 muíños hidráulicos dos séculos XVII e XVIII e conta coa declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) polo seu valor etnográfico.

Os camiños desta ruta de sendeirismo homologada están repletos de sorpresas: as cruces, iniciais e outras marcas gravadas na pedra, nas paredes dos muíños ou nos seus arredores fálannos de como era a vida dos nosos devanceiros. Uns tempos nos que estas construcións funcionaban día e noite para moer o gran que alimentaba ás xentes do Rosal e doutras partes da comarca.

Ademais do valor histórico, etnográfico e paisaxístico desta contorna, a ruta dos Muíños do Folón e do Picón percorre espazos de interese natural como bosques autóctonos e de repoboación e franxas con exemplares típicos da vexetación de ribeira. Este lugar tamén agocha algunhas curiosidades botánicas, como poden ser tres especies de plantas insectívoras, algunha delas protexida.

O Concello do Rosal organiza nos meses de xullo e agosto visitas guiadas (previa inscrición) para coñecer os importantes valores históricos, culturais, paisaxísticos e ambientais dun lugar que conserva unha concentración de muíños de auga única en Europa.

Percorrido:

Esta ruta de sendeirismo sinalizada (PR-G 94) ten trazado circular e parte da Ponte das Penas, onde se sitúa a área de recepción de visitantes e o aparcamento, algunhas mesas con bancos e aseos de uso público.

A partir de aí, o itinerario pódese iniciar pola ladeira do Picón (pendente costa arriba) e baixar polo Folón (baixada con tramos de chanzos) ata chegar de novo a área de recepción de visitantes. A outra opción é facela no sentido contrario: partindo desde o Folón (e collendo os tramos de chanzos de subida) e baixando pola parte do Picón.

Se partimos do Folón, o noso percorrido será o seguinte:

Muíños do Folón e do Picón – Zona de Martín – A Ponte das Penas. Galego

Muíños do Folón e do Picón – Zona de Martín – A Ponte das Penas . ES

Presentación da ruta “Muíños do Folón e do Picón” – Martín – English

  • Ponte das Penas

Sairemos do área de recepción de visitantes e comezaremos a nosa ruta no muíño número 1 do Folón, que acolle unha oficina de información turística. Esta construción está totalmente rehabilitada, tanto na súa estrutura como nos enxeños que posibilitan a súa posta en funcionamento. Cando as circunstancias o permiten, na súa moa fanse exhibicións de moenda do millo.

Continuaremos o noso percorrido e atoparemos o Muíño do Galego (número 5), un dos máis grandes do conxunto etnográfico. Durante todo o camiño non só atoparemos mostras dos distintos edificios dedicados á moenda, senón tamén as canles e cubos que levaban a auga que alimentaba as moas do cada muíño.

Outro dos puntos de interese desta parte do traxecto é a fervenza do río Folón, situada entre os muíños 22 e 23, que leva abundante auga en época de chuvias.

Muíños do Folón e do Picón – A fervenza do Folón

Muíños do Folón e do Picón – Cascada de Folón . ES

Presentación da ruta “Muíños do Folón e do Picón” – Folón waterfall – English

  • Parte alta do Folón

A singular disposición dos muíños, a modo de fervenza na ladeira do monte, atopa a súa mellor mostra nos últimos 22 do Folón, divididos en dúas carreiras. Neste tramo do camiño atoparemos chanzos que comunican unhas propiedades coas outras e nos axudarán a salvar a pendente.

Esta vintena de estruturas hidráulicas do sector alto do Folón conforman un espectáculo visual único, resultado da fusión entre estética e funcionalidade: a súa estudada disposición permite aproveitar ao máximo a forza da auga duns muíños a outros.

Nas xambas e linteis atoparemos gravados e datas que fan referencia ás épocas de construción, ampliacións ou restauracións. Cómpre destacar o gravado da data de 1715 no muíño número 16 ou os símbolos cruciformes no muíño número 17.

  • Chan da Cereixeira e O Nivel

O Chan da Cereixeira é un interesante miradoiro ao Val do Rosal, á desembocadura do Miño co Monte Trega (no concello da Guarda) e a Portugal. Ao mesmo tempo, desde este alto podemos observar, desde un novo punto de vista, a forte pendente e as paredes rochosas do Folón.

Chegado este punto da nosa ruta, temos a opción de tomar un desvío de algo máis de 500 metros de camiño lousado que nos levará ata outro miradoiro: a ermida de San Martiño. Pola festividade en honor ao santo (11 de novembro), este lugar acolle unha multitudinaria romaría e unha procesión que, partindo da Praza do Calvario -situada no centro da vila-, sube desde o Picón para chegar á capela e posteriormente baixar polo Folón.

Se desde o Chan da Cereixeira seguimos o camiño principal da ruta, antes de comezar a baixada cara ao Picón atoparemos O Nivel, topónimo que fai alusión á pedra que se encargada da distribución equitativa das augas procedentes do río da Cal entre as ladeiras do Folón e do Picón.

Muíños do Folón e do Picón – Zona do Nivel – Galego:

Muíños do Folón e do Picón – Zona de O Nivel . ES

Muíños do Folón e do Picón – O Nivel – English

  • Muíños do Picón

Tras pasar polo Nivel faremos a baixada polo Picón, que nos ofrece unha boa panorámica do Val do Rosal ao mesmo tempo que paseamos entre muíños hidráulicos, estes en menor pendente que os do Folón. Nesta parte da ruta poderemos ver edificios para a moenda con construcións adxectivas (alboios, cortes) e tamén algunhas eiras de bo tamaño.

Se nos fixamos no chan, atoparemos zonas de camiño lousado e as rodeiras que deixou o paso continuado dos carros. No tramo final, pouco antes de chegar de volta á área de recepción, observaremos a elevación que forma o castro do Picón, xacemento arqueolóxico que tamén forma parte da área declarada Ben de Interese Cultural (BIC).

Remataremos o percorrido na área de recepción de visitantes, onde temos acceso a auga, aseos de uso público, zona de aparcamento e mesas e bancos.

FICHA TÉCNICA DA RUTA PR-G 94 MUÍÑOS DO FOLÓN E DO PICÓN

Sinalización: direccional + paneis informativos.

Dificultade: baixa, zonas de chan irregular, chanzos e pendentes.

Lonxitude: 3,5 km.

Duración: 1 hora e 30 minutos, aprox.

Percorrido: Circular, con saída e chegada desde a Ponte das Penas, onde se atopa a zona de recepción de visitantes e o aparcamento.

  • COMO CHEGAR

Localización  da área de recepción de visitantes.

Coordenadas: 41.956582, -8.837513

Coordenadas UTM:29T X:513600 Y:4645160

  • Documentos

PR-G 94 Ruta dos Muiños do Folón e do Picón