A presentación do libro ‘Irmáns Flores. Os gaiteiros de Novás’ dará o pistoletazo de saída a unha axenda cultural comprometida e diversa

O Rosal volve a acoller este mes de xuño unha intensa axenda cultural na que o patrimonio, a literatura, a fotografía, a música e a moda serán os grandes protagonistas. “Teremos unha programación de primeiro nivel comprometida e diversa coa que conectar coa nosa memoria histórica e cultural e tamén coa contorna natural que tanto nos identifica”, explica a alcaldesa rosaleira, Ánxela Fernández.

A primeira actividade será o domingo 13 de xuño coa presentación do libro ‘Irmáns Flores. Os gaiteiros de Novás’, unha obras de Xerardo F. Santomé e Xosé Miguélez coa que lle queren render merecida homenaxe a Pepe e Emilio Flores Costas, dous populares músicos rosaleiros. Será nun acto ás 19.30 horas no auditorio municipal. O seguinte venres, o 18 de xuño, os rosaleiros e rosaleiras terán unha cita co seu patrimonio inmaterial na presentación do proxecto Memoria Viva, unha iniciativa do Concello coa que busca salvagardar a cultura viva arraigada no Rosal. Será a partir das 20.00 horas con auditorio municipal.

O sábado 19 de xuño será a quenda da Agrupación Musical do Rosal, que organiza a audición de final de curso do alumnado da Escola de Música no auditorio municipal a partir das 20.00 horas. O xoves 24 será a quenda de Juan Galán, que presentará o seu libro ‘Romanza de los naranjos en flor’ na Biblioteca Municipal ás 19.30 horas.

A última actividade da programación cultural do mes de xuño será o sábado 26 de xuño a cargo do alumnado da ESO do CPI Manuel Suárez Marquier, que organizará en colaboración co Concello un desfile de moda na Praza do Calvario (22.00 h) para conmemorar o Día Internacional do Orgullo. Tras o acto, como en anos anteriores, haberá música e diferentes actividades relacionadas co colectivo LGTBI, photocall con accesorios e moitas cousas máis.

Xunto con esta programación de actividades, os rosaleiros e rosaleiras tamén poderán desfrutar do 7 ao 25 de xuño na Praza do Calvario da exposición ‘Bolboretas’, unha mostra da fotógrafa Laura Lago, profesora de Lingua Española no IES Antón Alonso Ríos, experta en bolboretas e fotografía de natureza.