Será o vindeiro martes 28 de xullo ás 20.00 h no Salón de Exposicións do Concello do Rosal (baixo do Concello).

Coa reforma da praza de abastos búscase camiñar cara un mercado de excelencia para dinamizar o comercio local, apostar polo consumo de produtos de proximidade e darlle vida á contorna.

O Concello do Rosal remodelará a súa praza de abastos para transformala nun centro de comercio local e de proximidade que dinamice a contorna e que conte con todas as implementacións necesarias para ser un mercado de excelencia. O Concello invita a toda a veciñanza a participar o vindeiro martes 28 de xullo a partir das 20.00 horas na presentación do proxecto de renovación e mellora no Salón de Exposicións do Concello do Rosal (baixo do Concello).

Este novo proxecto, enmarcado no plan de desenvolvemento local, é unha aposta do Concello polo comercio de proximidade e pola concepción do mercado como un punto de dinamización económica e social do núcleo urbano, promovendo actuacións que fagan o comercio local máis atractivo e competitivo, fomentando a compra de produto local de proximidade e convertendo a praza de abastos nun lugar de encontro e convivencia dos veciños e veciñas. “Queremos que o Mercado se converta nun polo de atracción para novas persoas emprendedoras, para o comercio local e para a propia veciñanza”, sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández.

Con estas melloras o Concello da os primeiros pasos para converter a praza de abastos nun mercado de excelencia, selo outorgado pola Xunta de Galicia a aqueles mercados capaces de responder aos retos de modernización e innovación sen perder a súa autenticidade e tradición, a proximidade coa veciñanza e o trato personalizado. Para acadar este distintivo de excelencia, a Xunta valorará, entre outras cousas, a mellora das instalacións do mercado, que debe ser tamén accesible; a creación e mellora dos servizos para a clientela; a organización, unidade de xestión e profesionalidade dos praceiros e praceiras; a atención ao cliente e a prestación de servizos; e a implicación e integración do mercado na vida social do concello.

Para a celebración deste acto estableceranse todos os protocolos de prevención necesarios para garantir a saúde de toda a veciñanza participante.