Seguindo as indicacións da Garda Civil nesta situación de alerta sanitaria, a Policía Local do Rosal está realizando controis nos supermercados

Concello do Rosal segue aplicando medidas para previr contaxios de coronavirus entre o persoal do Concello e a poboación en xeral. Neste sentido, o Concello funcionará dende hoxe mesmo con servizos mínimos de 09.00 a 14.00 horastanto dentro das instalacións da Casa do Concello como fóra delas para garantir a seguridade de todas as traballadoras e traballadores. Deste xeito, péchase toda a atención ao público e a maior parte do persoal xa está traballando de forma telemática, unha medida que afectaespecialmente a aqueles traballadores ou traballadoras que directa ou indirectamente teñen ao seu redor ou ao seu cargo persoas consideradas de maior vulnerabilidade, que non farán traballo presencial baixo ningún concepto.

Atenderanse chamadas telefónicas e cuestións por vía telemática e soamente se tratarán de forma presencial en Rexistro asuntos de extremada urxencia previa citatelefónica. O mesmo sucederá en Servizos Sociais, que atenderá só casos urxentes e sempre contactando previamente por vía telefónica. Para servizos como o de recollida de lixo ou de avarías estableceranse servizos mínimos rotativos entre o persoal habitual.

Por outra banda, a partir do martes 17 de marzo e en coordinación co persoal sanitario, o Centro de Saúde de San Miguel permanecerá pechado ata nova orde. A atención dos veciños e veciñas realizarase no Centro de Saúde do Rosal e pediatría trasladarase ao Centro de Saúde da Guarda. Para máis información as persoas afectadas deben chamar ao número 986 62 60 35.

Responsabilidade e calma

Como forza de seguridade dependente do Estado e seguindo as indicacións marcadas dende a Garda Civil, a Policía Local do Rosal está a levar a cabo dende este luns controis nos supermercados do municipio para garantir a seguridade. Dende o Concello pedimos a toda a veciñanza que manteña a calma e a normalidade nas súas compras e que merque soamente os produtos esenciais, sen acaparar alimentos nin outros bens de consumo, xa que o abastecemento está garantido. Recoméndase extremar as medidas de hixiene e prevención nos mercados e supermercados, reducindo o tempo de permanencia ao mínimo imprescindible, mantendo unha distancia de 2 metros co persoal que traballa alí ou con outras persoas que estean mercando ou evitando tocar os alimentos coas mans.

O Concello quere agradecer o gran traballo que están a desenvolver os nosos veciños e veciñas que traballan en mercados e supermercados, no sistema público de saúdeou noutros sectores, que están a facer un esforzo inmenso durante os últimos días para que o resto da poboación teñan todos os recursos necesarios neste tempo de alerta sanitaria.