O acto, que comezará ás 10.30 horas, estará aberto a todo o público. Ao finalizar poderán realizarse visitas ao interior das novas instalacións en grupos reducidos

O Rosal estrea o vindeiro martes 4 de maio o seu renovado mercado municipal. Será cun acto inaugural ás 10.30 horas aberto a todo o público no que participarán a alcaldesa, Ánxela Fernández; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; a directora xeral de Agader, Inés Santé; membros da Corporación municipal e os propios praceiros e praceiras. Un grupo de gaitas e un cuarteto da Escola de Música do Rosal amenizarán o acto, que rematará coa visita do público asistente ás renovadas instalacións en grupos reducidos para garantir os protocolos de prevención establecidos polas autoridades sanitarias.

“Invitamos a toda a veciñanza a participar nun acto que vai ser histórico para O Rosal, que terá un mercado municipal moderno, dinámico, que funcionará como punto de encontro comercial e social”, salienta a rexedora. As obras desta primeira fase de renovación do mercado municipal tiveron un custo de máis de 207.000 euros financiados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, dunha subvención de Agader e de financiamento propio.

O Concello abordou esta reforma integral do mercado municipal co obxectivo de convertelo nun espazo vivo e con futuro co que fomentar a compra de produto local de proximidade, promover actuacións que fagan o comercio local máis atractivo e competitivo e dinamizar o núcleo urbano económica e socialmente e que funcione como polo de atracción de novas persoas emprendedoras. O novo mercado contará con cinco postos comerciais que se distribuirán nunha illa central con dous postos de froita e horta e nunha franxa lateral con carnicería, peixaría e un novo posto en formato de tenda de conveniencia enfocado á venda e promoción dos produtos locais.

As obras desta primeira fase incluíron a reforma do actual edificio do mercado, construído en 1954, coa reparación de deficiencias e de elementos deteriorados na cuberta no exterior e unha reforma xeral no interior para dar unha nova vida ao mercado, reciclalo e adaptalo ás necesidades actuais, humanizando o espazo, facéndoo máis confortable e atractivo tanto para os comerciantes que vexan nel un recinto de oportunidade como para as persoas usuarias.

Este martes mercado contará con horario especial de apertura tras o acto inaugural ata as 14.00 horas e de tarde de 16.00 a 19.00 horas.