Celebrarase os días 18 e 20 de xaneiro co obxectivo de dotar ás participantes de ferramentas para defenderse ante situacións violentas

O Concello do Rosal vén de abrir a inscrición para participar nun curso de autodefensa para mulleres que ten por obxectivo dotar a todas as asistentes das ferramentas necesarias para poder afrontar e defenderse ante situacións violentas. O obradoiro, organizado en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade, será totalmente de balde.

O curso desenvolverase no Centro Social Polivalente en dúas sesións de catro horas cada unha os vindeiros martes 18 e xoves 20 de xaneiro de 16.30 a 20.30 horas. Trátase dun curso dirixido a mulleres de todas as idades cunha condición física normal na que se proporcionará adestramento físico e psicolóxico para crear protocolos de actuación así como para dotar ás participantes de auto capacidades para a prevención de posibles situacións de violencia.

A actividade será impartida por especialistas da Federación Galega de Loita pertencentes ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

As mulleres interesadas en participar poden inscribirse xa chamando ao teléfono do Concello (986 62 50 00) ou enviando un correo electrónico a notifica@orosal.gal.