Ante a situación de emerxencia xurdida a raíz da expansión do coronavirus e das medidas adoptadas polas autoridades para a súa contención, o Concello do Rosal pide a colaboración da veciñanza para axudar ás persoas que se atopan nunha situación máis vulnerable neste escenario de alerta sanitaria.

Por este motivo, pídese a todas as rosaleiras e rosaleiros que se coñecen a veciños ou veciñas que poidan estar nunha situación de risco ou de vulnerabilidade a raíz do Estado de alarma derivado do Covid-19 póñano en coñecemento do Concello. Se saben dunha persoa maior que viva soa, alguén que pertenza a un colectivo de risco, algunha persoa que precise axuda… agradecemos que chamen ao Concello do Rosal para poder poñer en marcha as medidas de axuda que sexan necesarias. Pode chamarse ao 986 62 50 00 de luns a venres de 09.00 a 14.00 h.

Agradecemos toda a colaboración e solidariedade dos veciños e veciñas do Rosal, tan necesaria nesta situación de alerta sanitaria.