A falta de substitucións de persoal bloquea dúas axendas e só é posible acudir ao médico por urxencias. A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal reclama que se recupere a atención presencial e recolleu máis de 1.100 sinaturas para pedir que se acabe con esta situación de precariedade

O Rosal continúa a denunciar novos pasos que afondan na precariedade que está a sufrir o servizo de Atención Primaria no municipio, que sufre un progresivo desmantelamento dende hai tempo agravado dende o inicio da actual situación sanitaria. A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública asegura que nestes intres é imposible pedir cita médica para acudir ao centro de saúde rosaleiro, xa que Sergas e Xunta non están a substituír ao persoal de baixa ou de vacacións, o que obriga a bloquear dúas axendas médicas, a non dar novas citas e a que os rosaleiros e rosaleiras soamente podan acudir ao médico por urxencias.

Dende a Plataforma esíxese ademais que se regrese á atención presencial das e dos pacientes, xa que a actual situación de atención telefónica prioritaria sen reforzo do persoal sanitario está a causar grandes prexuízos tanto ás e aos profesionais como á veciñanza.

Para tentar frear o desmantelamento do servizo de Atención Primaria, a Plataforma puxo en marcha unha serie de accións de denuncia, como informar diariamente aos rosaleiros e rosaleiras do persoal sanitario do que dispón o centro de saúde, que reflicte cada día a precariedade do servizo. Ademais, nas últimas semanas a Plataforma recolleu xa máis de 1.100 sinaturas pedindo que se tomen medidas ante o progresivo deterioro do servizo que se entregarán nos vindeiros días na delegación da Consellería de Sanidade e na xerencia do Sergas.