O obxectivo é que o Concello poida pagar coa maior axilidade posible facturas pendentes sen agardar ao remate da alarma sanitaria

Celebrarase o mércores 25 de marzo a porta pechada e coa asistencia mínima necesaria de concelleiros e concelleiras

O Concello do Rosal celebrará este mércores 25 de marzo un pleno extraordinario urxente para aprobar o expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito para que a Administración poida pagar coa maior axilidade posible as diferentes facturas pendentes sen esperar ao fin da crise sanitaria.

Entre as medidas adoptadas pola actual situación de emerxencia de saúde pública ocasionada polo COVID-19 estaban a suspensión das sesións periódicas ou ordinarias do pleno e das comisións informativas municipais, non obstante tendo en conta o efecto negativo que a pandemia terá sobre a economía de moitas empresas, PEMES e autónomos “consideramos urxente e necesario, na medida do posible, aprobar este recoñecemento de crédito para dar resposta inmediata a esta necesidade, que non pode agardar ao remate desta situación de emerxencia sanitaria”.

Este pleno celebrarase adoptando todas as medidas necesarias de prevención e as recomendacións dos organismos competentes para garantir a saúde de todas as persoas participantes. Por este motivo, o pleno celebrarase de modo excepcional a porta pechada e coa asistencia mínima de concelleiros necesaria para manter a proporcionalidade da Corporación municipal, acordada previamente cos portavoces dos grupos municipais. Así, a este pleno asistirán 4 concelleiros e concelleiras do BNG, 2 do PP e 1 do PSOE, practicamente a metade da Corporación municipal.