A veciñanza poderá desfrutar dun completo cartel no que haberá música, teatro, contacontos, exposicións, charlas e visitas guiadas durante os meses de outubro e novembro

Celébranse ademais as I Xornadas do Patrimonio

O outono chega ao Rosal cunha axenda cargada dunha morea de actividades de lecer para todos os públicos. O Concello presentou este mércores a programación cultural para os vindeiros meses de outubro e novembro, case unha vintena de propostas moi diversas entre as que haberá contacontos, circo, música, exposicións, charlas e visitas guiadas abertas a todos os públicos. Dende o Concello quérese agradecer “a colaboración da Deputación de Pontevedra e da Agrupación Musical do Rosal e a asociación A Jalleira, que participan nesta completa axenda de outono. Unha oferta cultural diversa e para todos os gustos que esperamos que teña unha grande acollida por parte da veciñanza”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Os contacontos serán os encargados de inaugurar a programación outonal esta mesma fin de semana. O sábado 3 de outubroas historias tradicionais, os contos populares e inventados, a música en directo e o humor encherán a biblioteca municipal. Será con ‘Filipa cos contos’, unha sesión de narración oral entre Fran e a súa amiga Filipa que fará as delicias de cativos e cativas a partir de 4 anos. Será ás 11.00 horas.

Xa o 10 de outubro (11 h) a música fará saltar ao público. Será co espectáculo ‘Brinca vai! De aquí a acolá’, que chegará coas cancións, animacións e interpretacións cos ritmos e rexistros máis divertidos para percorrer un camiño no que a música soa con forma de sorriso.

O venres 16 de outubro os máis pequenos e pequenas da casa poderán combater o frío cos ‘Contos de inverno’ (11 h) e o venres 23 de outubro Magín Blanco trae o espectáculo musical ‘O que levamos nas maletas’ (11 h), unha proposta na que o público terá que participar na interpretación das cancións e na resolución das cuestións que plantexan os camiños. Aínda que a celebración de todos os contacontos está prevista na biblioteca municipal, poderá haber variación dos espazos que se comunicarán con antelación en función das condicións sanitarias.

A música será outra das protagonistas da axenda cultural. O sábado 10 de outubro Sés subirase ao escenario na Praza do Calvario para facer desfrutar da música a todos os rosaleiros e rosaleiras. Será a partir das 21.00 horas, con aforo limitado a 300 prazas e con inscrición previa a través da web do Concello ata completar aforo. Para inscribirse será preciso facilitar nome, DNI, teléfono e email e estará restrinxido a un máximo de 4 persoas por inscrición. Aínda que a vía electrónica será a principal para a recollida de inscricións, aquelas persoas que teñan dificultades para acceder a través deste medio poden chamar ao 986 62 50 00 ext. 4.

Ese mesmo 10 de outubro de 16 a 22 horas habilitarase na Praza do Calvario un espazo lúdico de prevención das violencias.

O teatro chegará en forma de carreira o domingo 11 de outubro. Será con ‘Running polo Camiño’, unha suorenta comedia para todos os públicos que se poderá ver na Praza do Calvario a partir das 18.00 h. Aforo limitado a 100 prazas, polo que será necesaria inscrición previa. O sábado 17 de outubro poderase desfrutar de ‘Literaria’ no Auditorio Municipal a partir das 20.00 horas e o domingo 8 de novembro o público infantil descubrirá os ‘Monstros no camiño’, ás 18.00 h no auditorio municipal.

O circo tomará a Praza do Calvario o domingo 12 de outubro con ‘Bambolina’ (17.00 h), unha actuación dirixida a público infantil. Tras esta actividade as persoas poderán desfrutar na mesma Praza do Calvario (18.00 h) da actuación da Banda da Agrupación Musical.

‘Auga. O sangue da Terra’ é o título da mostra que acollerá o salón de exposicións do Rosal do 13 ao 31 de outubro, ambos os dous incluídos. Unha exposición para todos os públicos que poderá visitarse de balde de martes a xoves de 18 a 20 h e venres e sábado de 11 a 13 h.

A primeira edición das Xornadas do Patrimonio será o colofón final da programación cultural de outono, tres días “para poñer en valor o patrimonio que temos na nosa contorna” dun xeito diferente. Será para grupos reducidos e con inscrición previa. Arrancarán o venres 23 de outubro cunha charla sobre arqueoastronomía a cargo de Benito Vila ás 19.30 h no Centro Social Polivalente que se completará cunha saída para a observación de estrelas ás 21.00 h. Xa o venres 30 de outubro, Alia Vázquez descubrirá ao público os petróglifos do Baixo Miño (19.30 h, Centro Social Polivalente) para despois facer unha ruta guiada a algún dos petróglifos do Rosal (21.00 h). A última charla será o venres 6 de novembro, na que Brais Currás falará sobre minería romana no Baixo Miño (Centro Social Polivalente, 20.00 h). Ao día seguinte, sábado 7 de novembro, haberá unha visita guiada ao Montefurado de Covas, en Vila Nova de Cerveira.

As xornadas micolóxicas porán o punto final á programación. Celebraranse o sábado 14 de novembro no Centro Social Polivalente grazas á colaboración da asociación forestal e de educación ambiental A Jalleira.

As actividades celebraranse en espazos que contarán con todas as recomendacións e medidas de prevención marcadas polas autoridades sanitarias. Os espazos poderán sufrir cambios en función das condicións sanitarias do momento. Calquera cambio será anunciado co antelación suficiente.