O obxectivo é fomentar a vida rural e mellorar as posibilidades de comunicación de xeito sostible coa creación dunha senda peonil e ciclista e a modificación da estrada

 Levarase o vindeiro luns 15 de xuño ao pleno extraordinadio no que tamén tomará posesión o novo concelleiro, Ramón Fernández Leal. Celebrarase de xeito presencial no salón de actos do Centro Social Polivante ás 08.30 h

No camiño por recuperar espazos para as persoas, o Concello do Rosal aprobará no vindeiro pleno o convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra para a execución da fase 1 do proxecto de mellora da mobilidade peonil na EP 3303 Tabagón-Goián, obras que afectarán a esta estrada provincial entre o punto quilométrico 0+000 e o 1+795. O pleno extraordinario celebrarase o luns 15 de xuño ás 08.30h no salón de actos do Centro Social Polivalente para garantir as distancias de seguridade como medida de prevención ante o COVID-19.

O obxectivo do proxecto é mellorar a comunicación entre dous núcleos da ribeira do Rosal como son Tabagón e As Eiras, así como co núcleo urbano de Goián, “contribuíndo a fomentar a vida rural e mellorando as posibilidades de comunicación dun xeito sostible, potenciando unha alternativa ao vehículo privado e dándolle prioridade ás persoas”. Para conseguilo, con estas obras que comezarán ao longo de 2020, modificarase a sección da estrada e crearase unha senda peonil e ciclista. Con 4,5 km de lonxitude, nestes intres esta estrada provincial está moi vinculada ao uso de vehículos, imposibilitando en moitos treitos o uso peonil en plenas condicións de seguridade, “un problema que precisa dunha actuación inmediata que lle dea solución”.

Custe total de 650.000€

Xunto con estas melloras, farase tamén unha actuación integral en favor da mellora e da mobilidade coa renovación da rede de drenaxe existente, coa execución da canalización soterrada para a futura renovación da rede de alumeado público ou a instalación de medidas redutoras de velocidade. Ademais, na zona da escola unitaria crearase unha plataforma continua de formigón nunha única rasante compartida para vehículos, peóns e bicicletas pero con prioridade peonil. Tras o remate das obras o Concello asumirá o mantemento e conservación dos servizos urbanos desta estrada.

As obras desta fase 1 do proxecto terán un custe total de 650.000 euros, dos que o 80% irá a cargo da Deputación de Pontevedra e o outro 20% do Concello do Rosal.

“Este proxecto suporá para O Rosal non só unha mellora viaria, senón unha transformación total en termos de mobilidade e comunicación entre os núcleos rurais, un novo concepto no que as persoas son as protagonistas e recuperan espazos”, explica a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández. A rexedora subliña que “esta estrada naceu como única vía de comunicación entre o Baixo Miño e Tui para o tráfico rodado, pero hoxe en día temos outras vías de acceso, polo que debemos transformar este vieiro pensando nunha nova realidade de mobilidade. Se algo nos ensinou o COVID-19 foi saber distinguir o que realmente importa e no ámbito rural debemos apostar por camiñar cara unha sostibilidade no que as persoas e o ámbito natural collan máis valor”.

Toma de posesión

Durante a celebración do pleno tamén tomará posesión o novo edil, Ramón Fernández Leal, que entra a formar parte do Goberno municipal tras a saída de Sabela Rodríguez para emprender un novo proxecto persoal. Fernández Leal asumirá as concellerías de Participación Veciñal e Voluntariado, de recente creación, e completará outras áreas do Concello.

Ademais, durante o pleno sortearase a composición das mesas electorais de cara ás vindeiras eleccións autonómicas do 12 de xullo de 2020.