O Concello pon en marcha un espazo para que os pais e nais rosaleiros atopen resposta a moitas das inquedanzas educativas que se dan no día a día e ferramentas para afrontalas

O Concello continúa apostando por acompañar ás familias rosaleiras na educación dos seus fillos e fillas. Por este motivo pon en marcha o proxecto ‘Educando en familia’, un espazo para que pais e nais poidan atopar resposta a moitas das inquedanzas que se dan no día a día, así como ferramentas para poder afrontalas. “Queremos que sexa unha iniciativa dinámica que recolla as suxestións e achegas sobre cuestións que interese ás propias familias e que se converta nun espazo onde escoitalas e onde ter en conta as súas necesidades sobre educación e crianza”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A iniciativa contempla unha serie de charlas mensuais no Centro Social Polivalente do Rosal a partir das 19.00 horas apoiadas por profesionais en pedagoxía, psicoloxía, formación ou educación familiar, entre outros. A entrada será sempre libre ata completar aforo, aínda que para asegurar a asistencia as persoas interesadas poderán inscribirse previamente a través da web municipal. Ademais, ofrecerase servizo de canguro para facilitar a asistencia e conciliación de todas e todos os participantes. As persoas que precisen utilizar este servizo deberán solicitalo ata o luns anterior ao encontro.

Pódense facer as incricións aquí.

A primeira charla terá lugar o venres 1 de outubro e estará centrada nas ferramentas para un estudo eficaz en familia. A pedagoga Eva Gándara falará a pais e nais de que poder facer na casa para que o ambiente de estudo sexa o axeitado, sobre como se sobreprotexe aos nenos e nenas nas diferentes etapas escolares ou sobre ferramentas para favorecer un estudo autónomo e eficaz. No mes de outubro celebrarase un segundo encontro, o día 29, no que a psicóloga Andrea Iglesias abordará a comunicación na familia durante a adolescencia. Na charla do venres 26 de novembro, as familias poderán falar sobre a importancia do xogo e o xoguete na infancia coa educadora social Angelina Gándara e o 17 de decembro a terapeuta ocupacional Lorena Guerra descubrirá a importancia da autonomía persoal no desenvolvemento e aprendizaxes dos nenos e nenas.

O programa ‘Educando en familia’ terá carácter trimestral e nos vindeiros encontros as familias poderán afondar en cuestións que afectan a diferentes fases da etapa formativa de rapaces e rapazas, dende o desenvolvemento da linguaxe e prevención de dificultades ata onde poñer os límites, a educación no feminismo, a importancia da lectura e claves para promovela, educar sen premios nin castigos ou o uso do tempo de lecer durante a infancia.

A rexedora anima a todas as familias rosaleiras a participar nestas actividades que buscan “contribuír ao benestar dos máis cativos e cativas, dando resposta a esa primeira infancia e á rede familiar que a conforma. Queremos atender as necesidades de pais, nais e crianzas, propiciando aprendizaxes e cambios significativos na súa contorna”.