O material empregarase para uso do persoal de Servizos Sociais, que poderá entregar máscaras de forma puntual ás persoas máis vulnerables

O tecido asociativo, veciñal e empresarial do Rosal continúa a dar mostras da súa enorme solidariedade. O grupo adegueiro Méndez-Rojo, que conta con novas instalacións no municipio rosaleiro, acaba de doar 2.000 máscaras cirúrxicas ao Concello. Trátase de máscaras dun so uso que teñen función preventiva que cun uso correcto permite evitar que a persoa que a leva posta poida contaxiar á xente da súa contorna.

O material doado polo grupo adegueiro irá destinado ao persoal de Servizos Sociais do Concello, departamento que poderá entregar máscaras de forma puntual a aquelas persoas consideradas de maior vulnerabilidade ou a persoas de risco.

O Concello quere agradecer o xesto de xenerosidade do grupo Méndez-Rojo e do seu director comercial, Dionisio Oseira, quen se achegou esta semana á Casa consistorial para facer entrega de todas as máscaras. Entre as adegas que forman parte do grupo Méndez-Rojo encóntrase Vía Atlántica Rías Baixas, situada na zona do Rosal.

“Estamos abraiados co compromiso e coa gran resposta que está tendo a veciñanza e o noso tecido empresarial nun momento tan complicado. Todas as doazóns, por pequenas que parezan, axúdannos a enfrontar esta nova realidade. Temos claro que cada xesto suma, así que non podemos máis que dar as grazas por todo o esforzo e solidariedade”, recalca a alcaldesa, Ánxela Fernández.