As obras, ao abeiro do Plan Concellos 2020 da Deputación, mellorarán a conexión da rede existente no Camiño da Buraca ata a Subida a Martín

O Concello do Rosal aprobou en Xunta de Goberno comezar este mes de abril o proxecto de mellora de abastecemento de auga na zona de Viso dos Eidos coa que “optimizar as conexións e garantir o subministro”. As obras, desenvolvidas ao abeiro do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra e cun investimento de arredor de 39.000 euros, permitirá a mellora da conexión da rede existente no Camiño da Buraca e que vai ata a Subida a Martín. A través destas obras executarase unha arqueta que permitirá conectar as redes existentes nesa rúa.

A implementación desta nova conexión prolongará a execución da canalización de 180 mm dun depósito anterior, repoñendo tamén os pavimentos neste tramo. Por outro lado, a execución de dous elementos de manobra permitirá a regulación mediante válvulas dos diferentes fluxos de auga, permitindo cortes sectoriais no caso de que sexa necesario. O tamaño das arquetas permitirá ademais manter esta infraestrutura nas condicións axeitadas.

Como complemento a estes traballos de mellora o Concello valorará levar a cabo tamén a substitución da actual arqueta situada na glorieta da PO 354 na rúa Xulio Sesto, mellorando o abastecemento no núcleo urbano do Rosal.

As obras durarán arredor de dous meses e medio, polo que está previsto que estean rematadas a inicio de verán.