As reformas, que durarán dous meses, comezarán a finais de 2020

Esta primeira fase terá un custo de máis de 207.000€ a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, de Agader e de financiamento propio

O Concello vén de sacar a licitación o contrato das obras de reforma da Praza de Abastos do Rosal, unha remodelación interior do mercado sen afección estrutural coa que se busca adecuar o espazo aos novos estándares de confort mediante a redistribución dos postos, o cambio de materiais e de iluminación e a transformación dos servizos existentes. A licitación publicarase este xoves 17 de setembro no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra coas correspondentes especificacións e criterios de selección.

As obras da primeira fase da reforma actual do edificio terán un prazo de execución de dous meses e comezarán a finais de 2020. O valor estimado do contrato supera os 207.000 euros financiados a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, da subvención para proxectos de rehabilitación e reforma de mercados municipais de venda de produtos alimentarios de Agader e de fondos propios do Concello.

Con esta remodelación, enmarcado no plan de desenvolvemento local municipal, o Concello aposta “polo comercio de proximidade e pola concepción do mercado como un punto de dinamización económica e social do Rosal”. “Queremos que o Mercado sexa un polo de atracción para novas persoas emprendedoras, para o comercio local e para a propia veciñanza”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O proxecto é froito dun proceso participativo no que praceiros e praceiras, produtores, comerciantes e outros usuarios e usuarias do mercado achegaron o seu punto de vista sobre as necesidades detectadas. A partir de aí elaboráronse os plans de mellora e de usos encamiñados a converter a praza nun mercado de excelencia, o selo posto en macha pola Xunta de Galicia que recoñece a modernización dos mercados e identifica a todas aquelas prazas de abastos capaces de responder aos actuais retos de modernización e innovación sen perder autenticidade e tradición, a proximidade e o trato personalizado.

O mercado contará con cinco postos comerciais no espazo principal que se distribuirán nunha illa central con dous postos de froita, horta e flores e nunha franxa lateral con carnicería, peixaría, despacho de pan e espazo para venda e promoción de produtos locais.