Os traballos tiveron un custo de máis de 40.000 euros financiados a través de fondos propios municipais e do Plan Concellos da Deputación

O Concello do Rosal vén de rematar as obras de mellora do asfaltado e do firme dun tramo do Camiño do Río, en San Bartolomeu das Eiras, unha estrada que comunica a zona da ribeira entre Eiras e Tabagón e dá acceso á propia praia das Eiras.

Tratábanse duns traballos necesarios para dar solución aos problemas que presentaba a estrada e mellorar así a seguridade para a circulación de vehículos, xa que “o paso do tempo, as inclemencias meteorolóxicas e o tráfico rodado foron deteriorando o firme e a súa capacidade portante, dando lugar a gretas, perdas de pavimento e formación de fochas. Era necesario acometer estas obras e frear así o progresivo deterioro da vía”, explica a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís.

A rexedora e o concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández, visitaron o remate das obras, que contaron cun investimento de máis de 40.000 euros, dos que case 14.000 euros foron financiados a través de fondos propios municipais e outros 26.700 ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

A actuación comezou coa limpeza de toda a superficie do pavimento mediante un cepillo de arame e a limpeza das cunetas co desbroce da vexetación existente. Unha vez rematada esta parte procedeuse a asfaltar o tramo do camiño cunha capa de 5 centímetros para regularizar a capa de rodadura, “o que supón unha evidente mellora no firme, cun incremento substancial da adherencia dos pneumáticos dos vehículos ao pavimento e da seguridade viaria”. Os traballo terminaron co realce de tapas de rexistro en calzada no tramo mellorado.