Estas obras foron subvencionadas ao abeiro do Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra

O Concello continúa coas obras de mellora de estradas e instalacións en distintos puntos do Rosal. Así, durante as últimas semanas, leváronse a cabo varios traballos de renovación do firme e incorporación de novo equipamento cun investimento total de 70.000 euros que foron subvencionados ao abeiro do Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra. “Seguiremos traballando para conseguir que o municipio se atope nas mellores condicións posibles para o uso e desfrute dos rosaleiros e rosaleiras, porque investir en infraestruturas tamén e investir na calidade de vida da veciñanza”, salienta o concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández.

A obra de maior importe foi a de asfaltado para a mellora parcial das estradas de Miranxe e Parada, na que se investiron máis de 40.000 euros. Tamén se procedeu á mellora da estrada Camiño do Fondal, en Marzán, que tivo un custo de case 24.000 euros. Xunto a estas obras leváronse a cabo os traballos de renovación do firme con asfaltado en frío en oito estradas e de acondicionamento con saburra noutras oito nos diferentes barrios.

Por outra parte, ao abeiro da mesma subvención, tamén se procedeu á colocación de novas varandas no parque de Pancenteo fabricados a medida para a zona. En total son 56 metros lineais de varanda lacada de cores galvanizada composta de tubos redondos e coas súas correspondentes chapas de ancoraxe. Esta mellora tivo un custo total de 6.000 euros.