Primeiras reunións de traballo coa veciñanza para recuperar a actividade socioeconómica nun espazo emblemático agora en total desuso

O Concello do Rosal continúa a dar pasos na súa estratexia para mellorar o dinamismo socioeconómico do municipio recuperando tamén de forma progresiva espazos xa existentes. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, participou esta semana nas primeiras reunións de traballo coa veciñanza para a posta en marcha de novo do mercado de San Miguel, que tras a reforma feita hai uns anos continúa sen actividade e en total desuso. “É un primeiro paso para volver a darlle vida a un espazo infrautilizado, algo moi demandado tamén polos veciños e veciñas. E debemos facelo atendendo ás súas necesidades, xa que son os rosaleiros e rosaleiras os que finalmente van a usalo”, salienta a rexedora.

O proceso participativo contou coa presenza de veciños e veciñas residentes na contorna do mercado que, en encontros reducidos debido á situación sanitaria, debateron sobre a viabilidade de recuperar o mercado co seu uso antigo e a posibilidade de darlle novas utilidades, así como sobre a súa futura xestión.

Despois de analizar as diferentes opcións, os e as participantes coincidiron en que non sería viable comercialmente manter aberto todos os días o mercado de San Miguel e que a celebración de mercados ocasionais ou semanais non xustificaría a súa reapertura e entre as opcións barallouse a posibilidade de recuperar o espazo como punto de encontro da veciñanza e un lugar no que se celebren diferentes actividades formativas ou de lecer.

Deste encontro saíu un equipo de traballo que seguirá afondando sobre a utilidade do local e os posibles usos para a súa reactivación. “Estamos traballando para mellorar o dinamismo socioeconómico do municipio, comezando no propio núcleo do Rosal e levándoo pouquiño a pouco aos diferentes barrios, unha reactivación na que o Concello debe colaborar e na que é fundamental contar coa opinión da propia veciñanza”, recorda a alcaldesa.

Para coñecer cal é a orientación adecuada para a praza de San Miguel, xunto a este proceso participativo para saber a percepción e opinión sobre o mercado dos propios rosaleiros e rosaleiras, o Concello tamén realizará unha diagnose da situación e dos usos na que se terá en conta o estado actual da edificación, dos equipamentos e dos servizos dos que dispón.