Haberá visitas guiadas polos petróglifos do Rosal e concertos, cine e espectáculos de rúa polos barrios durante os meses de xullo e agosto.

A nova realidade mudou tamén a forma de vivir o verán no Rosal. Seguindo as recomendacións sanitarias para previr posibles riscos de contaxio, o Concello aposta este ano por ofrecer unha programación de verán ao aire libre para toda a familia na que os veciños e veciñas poderán desfrutar durante os meses de xullo e agosto de visitas guiadas, concertos, cine e espectáculos de rúa polos barrios. Todas as actividades terán aforo limitado e naquelas que se celebren nun recinto o público permanecerá sentado en cadeiras distribuídas de xeito que se manteña a distancia interpersoal e tomando todas as medidas de seguridade indicadas polas autoridades sanitarias. O Concello aposta este ano por ofrecer unha programación de verán ao aire libre e en pequeno formato para toda a familia na que os veciños e veciñas poderán desfrutar.

A axenda de verán, con arredor de 30 actividades, arrancará os vindeiros 17, 18 e 19 de xullo coa XXVIII Feira do Viño do Rosal, unha feira virtual moi especial cunha ampla programación para que a veciñanza desfrute na súa casa dos caldos da comarca. Tras a feira as protagonistas serán as visitas guiadas polos petróglifos do Rosal, tres saídas (22 de xullo e 5 e 26 de agosto) totalmente gratuítas para a que as persoas interesadas en participar deberán inscribirse chamando ao Concello (986 62 50 00). Estas visitas terán un aforo limitado a 10 persoas. A primeira saída será aos petróglifos do Novello (encontro ás 21.30 h na casa do monte de Novás) e a segunda aos petróglifos da Portela.

Entre as visitas guiadas homologadas atópanse tamén as rutas polos Muíños do Folón e do Picón e polo Sendeiro dos Pescadores que organiza cada semana o Concello durante os luns e martes dos meses de xullo e agosto. Para esta actividade é necesaria inscrición previa a través da web municipal (http://visitasguiadas.concellodorosal.es).

Actividades nos barrios

Cine, espectáculos musicais e teatro de rúa tamén estarán moi presentes este verán no Rosal. O Concello levará estas actividades polos distintos barrios pensando en achegar a oferta cultural a toda a veciñanza sen ter que desprazarse. Filmes como ‘Vilamor’, ‘O que arde’ ou ‘Do revés’; espectáculos de Tanxarina Teatro, Circo Chosco ou Ce Orquestra Pantasma; música como O Sonoro Maxín, Blues do País, Dextrum Ensemble, Os Folieiros ou Xacobe Martínez Antelo Trío… serán algunhas das citas previstas para este verán.

Todas estas actividades complementaranse co Cámara Fest, dez concertos de grupos de cámara organizados pola Agrupación Musical do Rosal. Estas actuacións concentraranse na segunda e terceira semana de agosto, coincidindo coas datas na que se celebraba o tradicional Festival de Músicos Xoves que leva organizando dende hai xa 30 anos a Agrupación Musical e que este verán non poderá celebrarse debido a todas as medidas de prevención que se deben tomar tras a pandemia, xa que a Agrupación conta con máis de 70 músicos e non hai espazos para que poidan actuar garantindo a seguridade e saúde de todos e todas. Deste xeito, Concello e Agrupación Musical coordinaron as súas actividades de verán para ofertar unha ampla programación polos barrios de todo o municipio.

En todas as actividades o Concello manterá o aforo limitado, establecerá unha entrada e saída diferenciadas do recinto no que se celebre, colocará cadeiras para o público separadas pola distancia de seguridade establecida polas autoridades sanitarias, desinfectará as cadeiras antes de cada evento e colocará xel hidroalcohólico na entrada.

Actividades familiares

Atendendo a todas as recomendacións e medidas de prevención marcadas polas autoridades, o Concello do Rosal decidiu este ano apostar por ofertar actividades familiares ao aire libre e non organizar campamentos de verán, que por normativa sanitaria teñen que facerse ao aire libre, durante espazos de tempo curtos, centrado en actividades de realización autónoma, evitando a proximidade física e cun máximo de 25 persoas, incluíndo ao monitor/a ou guía. Ademais, todas as actividade físicas conlevan n maior risco de contaxio, requiren unha maior distancia de seguridade e son incómodas de realizar coa máscara posta.

 

PROGRAMACIÓN COMPLETA

 

17, 18 E 19 DE XULLO: FEIRA DO VIÑO

22 DE XULLO – 21:30 h. Visita guiada aos petróglifos do Novello con saída da Casa do Monte de Novás: Inscrición no Concello.

23 DE XULLO – 22:00 h. ALAMEDA DE SAN MIGUEL. CINE: ‘Vilamor

24 DE XULLO. O PILAR. PRAZA DO CALVARIO:

13:00 h. Intervención da Banda da Agrupación Musical do Rosal.

20:00 h. TANXARINA TEATRO: Titiricircus

22:00 h. CINE: ‘O que arde

25 DE XULLO. O PILAR. PRAZA DO CALVARIO – 22:00 h. Concerto: O SONORO MAXÍN.

31 DE XULLO. FORNELOS (PRAZA) – 22:00 h. Concerto: «BLUES DO PAIS»

5 DE AGOSTO – 21:30 h. Visita guiada aos petróglifos da Portela. Inscrición no Concello

6 DE AGOSTO: NOVÁS (CAMPO DE BALONMÁN) – 22:00 h. CINE: ‘Do revés (inside Out)

11 DE AGOSTO: NOVÁS (CAMPO DE BALONMÁN) – 21:00 h. CONCERT FEST. BRASS BAND “José Vicente Simeó”

12 DE AGOSTO: O CALVARIO (IGREXA PARROQUIAL) – 21:00 h. CONCERT FEST. Quinteto de metáis «Alfonso Ulloa»

13 DE AOGOSTO: SAN XIÁN (TORREIRO)

20:00 h. CIRCO CHOSCO: «Riscando o ceo»

21:00 h. CONCERT FEST. Grupo de saxos “Emilio Rodríguez”

14 DE AGOSTO: O CALVARIO (IGREXA PARROQUIAL) – 21:00 h. CONCERT FEST. Ensemble de ventos “Nani Matos

15 DE AGOSTO: O CALVARIO (PRAZA) – 22:00 h. CONCERT FEST. Ensemble de madeira “Pepe Flores”

16 DE AGOSTO: SAN MIGUEL (ALAMEDA)

21:00 h. CONCERT FEST. Grupo de saxos «Emilio Rodríguez»

CONCERT FEST. Grupo de clarinetes Klason

18 DE AGOSTO: FORNELOS (ADEGA LAGAR DE CERVERA) – 21:00 h. CONCERT FEST. Ensemble de madeira “Pepe Flores

20 DE AGOSTO: TABAGÓN (PRAZA DO MAIO)

20:00 h. CE ORQUESTRA PANTASMA. Espectáculo infantil.

21:00 h. CONCERT FEST. Cámara da escola.

21 DE AGOSTO: O CALVARIO (IGREXA PARROQUIAL) – 21:00 h. DEXTRUM ENSEMBLE. Cuarteto de saxofóns.

21 DE AGOSTO: O CALVARIO (IGREXA PARROQUIAL) – 21:00 h. CONCERT FEST. DEXTRUM ENSEMBLE. Cuarteto de saxofóns

22 DE AGOSTO: O CALVARIO (PRAZA) – 22:00 h. CONCERT FEST. BRASS BAND  «José Vicente Simeó»

26 DE AGOSTO – 21:30 h. Visita guiada aos petróglifos. Inscrición no Concello

27 DE AGOSTO: MARZÁN (CAPELA DE S. VICENTE) – 21:00 h. OS FOLIEIROS. Música tradicional

28  DE AGOSTO: EIRAS (LATERAL DA IGREXA) – 21:00 h. XACOBE MARTÍNEZ ANTELO TRÍO. Jazz