O Concello impartiu un obradoiro de sensibilización medioambiental aos rapaces e rapazas de 5º de Primaria ao abeiro da subvención europea para fomentar a reparación e reutilización de obxectos

O Concello do Rosal levou ás aulas un novo obradoiro de sensibilización medioambiental dirixido ao alumnado de 5º de Primaria do CPI Manuel Suárez Marquier, posto en marcha ao abeiro da subvención cofinanciada con fondos Feder Galicia 2014-2020 para fomentar a reparación e reutilización de obxectos. “Buscamos concienciar sobre a nosa realidade ao máis pequenos e pequenas, para que coñezan todas as posibilidades que temos á hora de tratar os obxectos e para que acollan a idea de alongar a vida útil dos bens materiais dun xeito natural”, salienta a concelleira de Medio Ambiente, Sara Vicente.

Neste obradoiro especializado en residuos plásticos, os rapaces e rapazas puideron desfrutar dunha experiencia de reciclaxe íntegra, xa que ademais de recibir unha charla educativa para concienciar sobre o problema actual dos residuos plásticos, cunha máquina inxectora puideron transformar en vivo residuos plásticos en novos obxectos. Unha forma de deixar de ver estes residuos como lixo e revalorizalos en proximidade, evitando longas viaxes.

Durante a primeira parte, nunha charla dinámica introduciuse ao alumnado no mundo do plástico, nas súas virtudes e defectos, analizando o actual sistema de xestión de residuos ou a degradación do plásticos e os microplásticos e como iso afecta á contorna. Persoal especializado de Aventura Plástica abordou cos nenos e nenas as posibles solucións e se lles ensinou como funciona o proceso de reciclaxe con diferentes máquinas.

Xa na segunda parte do taller as rapazas e rapaces aprenderon a identificar os diferentes tipos de plástico de consumo diario e puideron ver como unha máquina de inxección transformaba varios destes plásticos previamente triturados en novos obxectos únicos e irrepetibles.