A primeira cita será este domingo 2 de maio (19 h) no Auditorio Municipal co espectáculo de monicreques ‘O traxe novo do rei’

Maio chega ao Rosal cargado de actividades culturais de balde para todos os públicos: monicreques, música, unha exposición e mesmo un espectáculo de tradición oral e palabras cruzadas con tres recoñecidos narradores. A primeira cita será este domingo 2 de maio ás 19.00 horas no Auditorio Municipal rosaleiro, onde o público poderá desfrutar do espectáculo de monicreques de Tarabelos ‘O traxe novo do rei’.

Retallos dos contos de sempre con esta historia sobre un traxe especial para un rei especial, un traxe novo e máxico que prometía ser un capricho inigualabre e unha ferramenta perfecta para saber o nivel de intelixencia de calquera habitante da corte. Pero… funcionará? Xa se pode reservar entrada na web municipal para descubrir como remata a historia.

O domingo 9 de maio será a seguinte cita na axenda cultural coa celebración do Concerto 35 aniversario organizado pola Agrupación Musical do Rosal. Será ás 18.00 horas na Praza do Calvario. Neste mesmo escenario desenvolveranse as actuacións musicais do luns 17 de maio (19.00 h), nas que participará o Coro infantil da Agrupación Musical do Rosal, Orballo e Lirolai.

A última actuación terá lugar o domingo 23 de maio e correrá a cargo de Quico Cadaval, Celso Sanmartín e José Luis Gutiérrez, Guti.  Os narradores protagonizarán ‘Tres vellas (polo menos)’, un espectáculo no que compartirán co público as historias que lles contaron a eles varias vellas, fermosas narracións de mulleres sobre mulleres coas que se busca rescatar o relato daquelas persoas de idade avanzada ás que moitas veces se lle nega a voz para que a súa memoria, sabedoría e esencia non se perda. Terá lugar no Auditorio Municipal ás 19.00 h.

As actividades completaranse cunha exposición das láminas da escritora, poeta e tradutora Xela Arias, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. A mostra poderá vese na Praza do Calvario do 10 ao 23 de maio.

Todas as actuacións terán aforo limitado e desenvolveranse cumprindo con todas as medidas e protocolos de seguridade marcados polas autoridades sanitarias.