Tres semanas de humor e retranca na Praza do Calvario. O Rosal inaugurou este martes a exposición de viñetas dos humoristas Gogue e Luis Davila ‘Ilustrando’, unha mostra itinerante composta por trece prisma rectangulares cunha selección das mellores viñetas destes dous artistas que poderá verse ata o vindeiro domingo 23 de febreiro.
Deste xeito incorpórase á axenda cultural do concello unha novidosa exposición ao aire libre “capaz de representar a vida cotiá e a realidade que tanto nos caracteriza en chave de humor e de retranca. Son escenas que deixan ver con claridade a idiosincrasia galega e do rural, o que converte o traballo destes humoristas en parte da nosa cultura”, resaltou a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, durante o acto de inauguración, que tamén contou coa presencia dos concelleiros Sara Vicente, Germán Fernández e César Paredes.
Cunha alta dose de humor e actualidade, Dora Desbrosadora, Mucha, Marselino e outras personaxes debuxarán un sorriso ao público que se achegue a desfrutar da exposición, que será un dos centros de atención o día do seu peche o domingo de Entroido.