ENOTURISMO: TRADICIÓN E INNOVACIÓN NOS VIÑOS DO ROSAL

O Rosal é terra de albariño. Xa o tiveron claro os monxes do Mosteiro de Oia, fundado no século XII, quen explotaron varias granxas e priorados neste municipio baixomiñoto. Estes espazos de produción monacal dedicábanse a diversas actividades agrogandeiras, entre elas o cultivo da vide para a elaboración de viños.

Actualmente O Rosal é unha subzona da Denominación de Orixe Rías Baixas, na que se inclúen viños coñecidos e recoñecidos internacionalmente. En terras rosaleiras atopamos adegas de grande antigüidade, con orixes medievais e vinculadas ao Mosteiro de Oia, pero tamén proxectos novos baseados na innovación.

Viños de autor, adegas familiares e grandes empresas con produción industrial que traballan día a día combinando o mellor da tradición coas achegas procedentes das novas tecnoloxías e a I+D.

Ademais de traballar en aspectos vinculados á produción e comercialización, as adegas do Rosal tamén crean experiencias nas que nos desvelan algúns dos segredos da elaboración do viño. Rutas polos viñedos, visitas ás instalacións, catas e eventos son algunhas das súas propostas de enoturismo.

Feira do viño do Rosal

Una boa oportunidade para gozar dos viños da zona e dalgunhas das bondades da súa gastronomía é a Feira do Viño do Rosal, que cada ano se celebra a mediados do mes de xullo. Durante unha fin de semana, a céntrica praza do Calvario énchese de persoas que se achegan a degustar as propostas das adegas locais así como outros produtos gastronómicos.

No verán de 2020, e con motivo da situación xerada polo novo coronavirus COVID-19, a  Feira do Viño do Rosal reinvéntase a través de medios non presenciais. Ofrecerá unha  experiencia innovadora, aínda que sen perder o espírito orixinal do tradicional evento.