As persoas interesadas en participar poden enviar ata o 21 de abril un vídeo no que inviten a ler, recomenden un libro ou lean algún parágrafo. O 23 de abril, Día Internacional do Libro, farase un sorteo entre todas as persoas participantes

O Concello continúa coa programación especial de abril, mes do libro no Rosal. Entre as actividades previstas para este mes, o Concello vén de poñer en marcha o concurso ‘Fomentando a lectura’, un certame de recomendación de libros co que se busca a dinamización e a promoción da lectura entre todos os rosaleiros e rosaleiras.

Para participar as persoas interesadas deberán enviar dende hoxe mesmo ata o vindeiro 21 de abril un vídeo no que inviten á veciñanza a ler, no que recomenden un libro que lles gustara especialmente ou que lles parecera interesante ou no que as e os participantes lean o parágrafo dalgún libro. As pezas audiovisuais deberán enviarse vía correo electrónico a participa@concellodorosal.gal indicando nome, apelidos e número de teléfono.

O vindeiro 23 de abril, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional do Libro, sortearanse varios libros entre todas as persoas que enviaran os seus vídeos. O concurso vai dirixido a todos os rosaleiros e rosaleiras maiores de idade ou, en caso de ser menores, baixo a responsabilidade dos seus pais, nais ou titores legais.

Os vídeos recibidos serán colgados nas redes sociais do Concello (Facebook, Twitter e Youtube) ao longo do mes de abril. A participación no certame suporá a aceptación das bases do concurso e implicará o permiso ao Concello para publicar o vídeo e o nome do autor nelas e na web, así como a arquivalo na súa base de datos.

Dende o Concello animamos a todos os rosaleiros e rosaleiras a participar nesta iniciativa, coa que se pretende estimular o hábito da lectura entre a veciñanza, espertando tamén a necesidade de ler dende as idades máis temperás.