Os mozos e mozas poderán desfrutar por primeira vez desta conexión adaptada aos horarios do centro, xa que o curso pasado o bacharelato impartiuse en horario de tarde por mor da pandemia

O alumnado rosaleiro que cursa os seus estudos de bacharelato e ciclos formativos no IES A Sangriña da Guarda poderá desfrutar por primeira vez de liñas de transporte público de autobús que conecten os dous concellos coincidindo coas horas de entrada e saída do instituto, centro de referencia prioritario para os mozos e mozas do Rosal. Estas liñas, que xa se puxeron en marcha en decembro do pasado ano 2020, non chegaron a prestar o servizo para o que se reivindicaban, xa que por mor da pandemia as clases de bacharelato impartíronse en horario de tarde, o que fixo imposible que o alumnado as empregara para os seus desprazamentos.

Por un lado, a ruta A Guarda – Pancenteo – O Rosal – Pías – A Guarda ofrecerá un percorrido circular con horario de ida durante todo o ano de luns a venres con ida ás 07.35 e volta ás 14.00 h e durante a época lectiva os luns con ida ás 15.15 h e volta ás 17.40 horas. Esta liña para na Guarda, no IES A Sangriña, Castro, Pintan, A Cunchada, Pancenteo, Marzán, Novás (Barrosa), Novás, Martín, Viso dos Eidos, Fornelos, O Rosal (Caselas), O Rosal – Concello, A Mata, Cumieira, San Miguel, Pías, A Gándara e xa A Guarda e o centro educativo.

O alumnado rosaleiro tamén contará coa liña que fará o percorrido IES A Sangriña – San Xián – Oia – Pedornes – Burgueira – Loureza. Esta ruta estará en funcionamento soamente durante a tempada lectiva con ida de luns a venres ás 14.05 horas e os luns ás 17.45 horas e con volta de luns a venres ás 07.25 horas e os luns ás 15.05 horas.

Co obxectivo de mellorar o servizo de transporte público tendo en conta as necesidades dos rosaleiros e rosaleiras, o Concello do Rosal presentou xa en 2019 varias alegacións ao anteproxecto de explotación do Servizo Público de transporte regular de uso xeral de viaxeiros por estrada da Xunta, integrado no Plan de Transporte Público de Galicia para a comarca do Baixo Miño. Neste anteproxecto non se contemplaba a implantación dunha liña de transporte público que puidera ser de utilidade para o alumnado do Rosal que cursa o seus estudos non obrigatorios no IES A Sanguiña. Ademais, presentou ante a Xunta un informe con algunha das problemáticas aínda existentes, xa que a pesar de que as rutas dan servizo ao alumnado que estuda no IES A Sangriña da meirande parte do municipio, estas non chegan ata as parroquias de San Xoán de Tabagón e As Eiras.

Desde o Concello seguirase reclamando a necesidade dunha mellora do transporte público diante do órgano competente que é a Xunta de Galicia.