Este mércores, alumnado do CRA María Zambrano e do CPI Manuel Suárez Marquier asistiu á representación de “Contos do recreo”, unha obra de Rebrum Teatro na que se aborda o acoso escolar desde a perspectiva da persoa acosadora (Alicia).

No recreo previo ao exame máis importante do curso, Alicia chega como se fose a protagonista do País das Marabillas, a un lugar máxico onde habita Xacobe, o estrafalario bedel custodio da impoñente porta que coroa o lugar. Para poder saír de alí e chegar ao exame, Alicia ten que resolver os enigmas e superar os obstáculos que se agochan tras a porta dos recreos pasados, presentes e futuros, aprendendo que a agresividade e a falta de empatía só conducen á infelicidade e a frustración e que, para poder quererse a si mesma e aos demais, ten que desterrar esas condutas da súa vida.

Unha obra chea de mensaxes coa que os máis cativos tiveron a oportunidade de comprender mellor as consecuencias do acoso escolar, visto dende o punto de vista da persoa acosadora, e avanzar un pouco máis para conseguir desbotar este tipo de actitudes, todo isto acompañado dun espectáculo de música e luz cargado de mensaxes como a que enviaba Xacobe a Alicia “Serei feliz aínda que me insultes en chino mandarín, a miña felicidade non depende do que penses de min”.