O concello do Rosal ten rexistrados a día de hoxe 3 brotes de contaxios por COVID-19 activos, segundo vén de confirmar a Consellería de Sanidade.

O epicentro destes positivos sitúanse en dous dos casos en brotes familiares, mentres que o terceiro núcleo de afectados atópase no ámbito laboral. Sanidade comunícanos que xa activou os protocolos con todas as persoas afectadas e a súa contorna.

O Rosal comparte Punto de Atención Continuada coa Guarda e con Oia. Segundo Sanidade esta interrelación a todos os niveis con municipios limítrofes dificulta dar un número exacto de afectados.

O Concello do Rosal colabora dende o primeiro momento coa Consellería de Sanidade en todo o que necesita, tanto para a activación de protocolos como para o rastrexo e control dos contaxios. En todo caso, a través da súa Comisión Técnica a Consellería de Sanidade está facendo un estudo para avaliar a situación do municipio.

Dende o Concello queremos transmitir unha mensaxe de tranquilidade a toda a poboación. Brotes e contaxios puntuais xa forman parte das nosas vidas nesta nova normalidade, polo que temos que ser conscientes da nosa vulnerabilidade, redobrar esforzos e tomar todas as medidas de prevención necesarias para minimizar riscos e evitar o espallamento desta doenza. Pola saúde de todos e todas agora máis que nunca debemos actuar con responsabilidade.

Tamén o noso máis sincero respecto e apoio a todas as persoas afectadas e aos seus achegados. A tod@s el@s queremos transmitirlle moito ánimo nestes intres tan complicados.

O Concello informará a toda a veciñanza calquera dato novo que nos traslade Sanidade de forma oficial. Nestes tempos que corren é fundamental actuar con seriedade e difundir soamente información veraz, evitando crear situacións de alarma.

Aproveitamos para lembrar que hai habilitado un número de teléfono gratuíto (900 400 116) tanto para resolver dúbidas como para notificar posibles casos.