Onte, as rapazas e rapaces do campamento de verán estiveron co noso mestre composteiro aprendendo a empregar axeitadamente o composteiro que teñen no patio da escola unitaria de Marzán.

Fixeron un pequeno repaso de como usalo e puidemos ver que moitos deles saben empregalo perfectamente xa que dispoñen de composteiros individuais nas súas casas ou son usuarios dos que hai nas escolas ás que asisten durante o curso académico.

Nesta actividade puideron comprobar que a compostaxe, o proceso de descomposición biolóxica dos materiais orgánicos xerados no fogar mediante o que se obtén como produto final o compost, é unha tarefa sinxela que ademais posúe moitas vantaxes:

  • contribúe a reducir o volume de residuos producidos mediante a reciclaxe da materia orgánica en orixe
  • reduce a frecuencia de recollida dos contedores xenéricos de lixo por parte dos servizos municipais diminuíndo o custo económico que comporta a xestión do lixo
  • proporciona compost, un fertilizante natural con excelentes propiedades para o solo

No concello do Rosal contamos con máis de 400 composteiros individuais repartidos polas casas e centros de ensino. Tamén dispoñemos dun composteiro comunitario para que o feito de non ter terreo nas nosas vivendas non sexa un impedimento á hora de contribuír á compostaxe.

E ti, unícheste xa á compostaxe doméstica? Se aínda non o fixeches, no Concello dispoñemos de composteiros individuais para aquelas persoas que os soliciten. Ademais, contarás coa axuda do noso mestre composteiro que vai asesorarte e resolver todas as dúbidas que poidas ter sobre a compostaxe. Anímate!

Aproveitamos para compartir o manual do plan Revitaliza sobre compostaxe doméstica onde poderás comprobar que contribuír a xerar menos residuos é moi doado e todos podemos facelo.