A campaña para compostar as cabazas xeradas durante a fin de semana pasada péchase cun gran éxito. Durante a fin de semana e inicios desta, os cidadáns foron achegando as cabazas ao composteiro comunitario para que o mestre composteiro as xestionase adecuadamente. Ademais, o mestre tamén visitou os diferentes CRA do concello para preparar e compostar as cabazas alí depositadas no propio composteiro individual instalado en cada un dos CRA.

Para a compostaxe deste material foi preciso seguir os seguintes pasos:

  1. Eliminar as partes non compostables como adornos de tela, papeis de cores, cirios, e pintura. Neste último caso, nos casos que foi posible, pelouse a cabaza para aproveitar o interior.
  2. Trituración das cabazas. Debido ao tamaño e dureza da pel, o picado das cabazas en anacos máis pequenos facilita e acelera o proceso de compostaxe.
  3. Remexer o material incorporado ao composteiro. Para evitar a compactación e a conseguinte perda de aireación, remexéronse coidadosamente os restos de cabaza xunto co material xa existente no composteiro e con estruturante (madeira triturada). Este paso permite acelerar o proceso de compostaxe, equilibra o exceso de humidade procedente da materia orgánica e evita incidencias no composteiro.
  4. Tapar o material con estruturante para evitar a aparición de mosquiña.

Queremos aproveitar para agradecer a todas aquelas persoas que decidiron participar nesta campaña, ás usuarias e usuarios habituais do composteiro comunitario e ás que teñen composteiro individual nas súas casas. Queda moito camiño por recorrer, pero estades deixando claro que existe unha vontade que sen dúbida permitirá o cambio cara a un concello máis sustentable.