O goberno Municipal do Rosal, encabezado por Ánxela Fernández Callís, mantivo dentro do programa #AVeciñanzaConta, unha reunión coas Comunidades de augas de Traídas Veciñais.
Na mesma, ademais da alcaldesa, participaron as concelleiras Sara Vicente, responsable da área de Medio ambiente, a Concelleira Sabela Rodríguez e o Concelleiro Germán Fernández.
A reunión permitiu ao goberno municipal ter un primeiro contacto con membros de todas as Traídas Veciñas e sentar as bases do inicio dun Estudo para a elaboración dun Plan de Apoio ás Traídas de Augas Veciñais por parte do Concello.
«As Comunidades de Augas veciñais traballan e están involucradas na xestión dun ben tan esencial e necesario como é a auga. A auga é un elemento inherente á vida das persoas. Podemos prescindir de moitas cousas, mais nunca poderemos prescindir da auga.  Contar con veciñanza implicada na xestión dun ben tan importante e vital  conleva non só a necesidade dun recoñecemento pola nosa parte senón tamén dunha colaboración estreita e constante que responda a criterios obxectivos na xestión e que teña unha perpectiva de mellora que traballe non só na solución dos problemas cotiás que xorden senón tamén na previsión do medio e longo prazo.
Por iso, realizaremos un estudo pormenorizado e detallado da situación de cada unha das Comunidades de augas co obxectivo de poder artellar e executar nun futuro próximo un Plan Anual de apoio ás Traídas de Augas Veciñais que responda a criterios obxectivos e que mellore progresivamente a realidade das mesmas.
Para iso, visitaremos e faremos unha análise da situación de todas e cada unha das Traídas Veciñais.
No noso Concello contamos cun grande capital humano tamén neste ámbito, con moitos veciños que levan anos implicados no mesmo.
Demos inicio a un proxecto para nós fundamental no que temos moitas ganas de traballar.
Por outro lado, con esta reunión tamén sentamos o xerme para a concreción do Consello Municipal das Augas, un órgano consultivo no que traballaremos man a man tamén no ámbito da auga», afirma a alcaldesa.
Desde o Concello querenagradecer a boa disposición a colaborar e a traballar conxuntamente amosada por parte dos membros das Comunidades de Augas.

#AVeciñanzaConta

#AVeciñanzaConta