ÁREA RECREATIVA PONTE DO TAMUXE

Preto do punto onde os ríos Tamuxe e Miño unen as súas augas atópase esta área recreativa, un espazo ao aire libre onde a natureza e os equipamentos de lecer conviven con singulares mostras do patrimonio cultural.

Este parque con abundante arborado ocupa o espazo do que no seu día foi o serradoiro “Nandín, Vicente y Compañía”, fundado en 1914 e disolvido en 1932, tras pasar varios anos integrado no consorcio “Serrerías del Miño, S.A.” (“Candeira Hnos”).

Na contorna aínda podemos ver restos de muros da factoría e unha alta cheminea circular feita en ladrillo de barro cocido, a cal pertenceu ás caldeiras que movían as serras encargadas do corte da madeira.

A poucos metros deste lugar atópase a histórica Ponte do Tamuxe, un dos símbolos do concello do Rosal. De posible orixe romana, tense constancia documental desta infraestrutura desde o século XV. A construción actual é do século XIX (1845).

O parque, situado no Porto Vello, forma parte do percorrido do PR-G 112 Sendeiro de Pescadores Miño-Tamuxe, unha ruta de sendeirismo homologada e de dificultade baixa.

  • COMO CHEGAR

Localización

Coordenadas: 41.916202, -8.827256

Outras áreas recreativas do Rosal:

Área recreativa das Aceñas

Zona de baño da Pesqueira

Área recreativa de San Miguel (Igrexa)

Praia das Eiras