Estará na Praza do Calvario de 10 a 14 e de 16 a 21 h. Pódese pedir cita previa no teléfono gratuíto 900 100 828

Unha unidade móbil da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos visitará o concello do Rosal este mes de xullo. O vindeiro xoves 22 un autobús da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue estará na Praza do Calvario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas para todas aquelas persoas que queiran acudir a doar.

Para a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos a máxima prioridade é a seguridade das persoas doantes e receptoras dos compoñentes sanguíneos, polo que extremando os protocolos de prevención para garantir a continuidade dun servizo esencial, que permite cada día salvar vidas de moitos enfermos ingresados nos hospitais galegos. Por este motivo, entre as medidas para preservar a saúde de todos e todas, a Axencia traballa nestes momentos con cita previa para garantir a afluencia gradual e ordenada das e dos doantes. Todas as persoas que desexen doar sangue poderán solicitar a súa chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828.

Aínda que o persoal das unidades móbiles fai unha revisión de saúde a todas as persoas que acoden a doar para garantir a seguridade dos compoñentes da sangue, recoméndase non acudir a doar sangue se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios. Pídese tamén ás persoas doantes agardar un metro de separación entre persoas nas zonas de espera.

A Axencia Galega de Sangue, Órganos e tecidos lembra que para doar sangue hai que almorzar se se acode pola mañá e, se se vai pola tarde, agardar dúas horas despois de xantar para facer a doazón. É importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar, ademais de informar ao médico en caso de estar tomando algún medicamento.