Chega case ao 48% de implantación tras o reparto de COINs por parte do Concello. O Outón e O Morán, os barrios con maior implicación

O Concello do Rosal continúa coa implantación dos composteiros individuais (COINs) nas parroquias ao abeiro da estratexia municipal para potenciar este tipo de compostaxe nas vivendas da localidade. Unha iniciativa que está a ter unha grande acollida por parte da veciñanza e que rematou o seu paso pola parroquia de San Miguel duplicando o número de COINs nas casas, pasando do 23% das vivendas con composteiro a case o 48%. “Só podemos agradecer a implicación e a boa resposta da xente, que se está involucrando co proxecto en cada barrio e nos permite aumentar de forma moi significativa o número de casas co seu propio composteiro”, salienta a concelleira de Medio Ambiente, Sara Vicente.

Por barrios, os que contan cunha maior porcentaxe de composteiros individuais son os de O Outón e O Morán, que pasaron de ter un 44 e 32% de COINs a un 72 e 71%, respectivamente. Os seguintes barrios cunha maior implantación da compostaxe individual son O Cruceiro, con case un 59% de composteiros, O Cotro (54%), A Ponte do Tamuxe (50%), Pías (43%), e A Cumieira e O Calvario, con algo máis do 40% cada un. O Carrascal e O Cotro foron os barrios que máis incrementaron a súa participación no programa de compostaxe individual, xa que triplicaron e cuadriplicaron o número de COINs implantados nas vivendas, pasando do 10 e do 13 ao 34 e 54% de casas con composteiro.

As persoas interesadas en adquirir un destes composteiros individuais poderán solicitalo a través da páxina web de Medio Ambiente do Rosal, no apartado de compotaxe, e deberán acudir ao Concello a recollelo. Trátase de composteiros de 400L de volume acompañados de aireador, caldeiro e base antirroedores perfectos para colocar en calquera vivenda que conte cun pequeno espazo. O mestre composteiro ofrecerá a información e o asesoramento técnico necesario para poñelo en marcha, aínda que na web tamén poden resolverse as dúbidas e consultar o titorial de montaxe da unidade.

Esta iniciativa forma parte do programa de prevención, recollida separada e valorización dos biorresiduos posto en marcha polo Concello do Rosal ao abeiro dunha liña de axudas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa Feder Galicia 2014-2020.