Non estará aínda permitido o estudo en sala nin o uso de ordenadores

A Biblioteca Pública do Rosal reabre este mércores 13 de maio as súas portas para o préstamo de libros. Os usuarios e usuarias poderán así devolver os exemplares collidos no mes de febreiro e marzo e levar de novo á súa casa un máximo de 2 libros por persoa, dado que as medidas de reapertura marcadas polas autoridades sanitarias obrigan a poñer en corentena un mínimo de 14 días todos os exemplares devoltos polo público. O horario de apertura será o habitual ata o de agora: luns de 15.30 a 20.30 horas e de martes a venres de 16.00 a 20.30 horas.

Todas as persoas interesadas en facer uso da Biblioteca terán que cumprir os protocolos de precaución establecidos. Habilitarase soamente unha entrada, que será pola porta lateral, e non se poderá buscar entre os libros que haxa nos estantes nin tocar nada. Os usuarios e usuarias deberán pedir título concreto ou xénero ao persoal da Biblioteca. Na plataforma da biblioteca poderán consultarse a dispoñibilidade dos distintos títulos.

Nesta fase de reapertura non estará permitido o préstamo interbibliotecario, así como tampouco o estudo en sala nin o uso de ordenadores, e as coleccións de libre acceso permanecerán pechadas ao público. Ademais, todos os menores de 11 anos deberán ir acompañados sempre dunha persoa adulta.

Será obrigatoria a desinfección das mans á entrada das instalacións co xel hidroalcohólico que se porá a disposición dos usuarios e usuarias na porta e respectar as distancias mínimas de seguridade. Ademais, recoméndase o uso de mascarilla e extremar todas as medidas de prevención durante a posible espera ou a entrada nas instalacións.