Con esta medida o concello da un paso máis en firme de cara a cumprir os obxectivos de reciclaxe recentemente aprobados polo Parlamente Europeo. Así, as directivas do Parlamento Europeo e Consello sitúan no eixo da actuación ós biorresiduos, unha fracción tradicionalmente esquecida pero que pola súa cantidade, aproximadamente o 42 % dos residuos xerados polos fogares galegos, e pola súa rápida degradación, deberían ser a fracción á que máis recursos se destinen para a súa reciclaxe.
A compostaxe dos restos orgánicos é a maneira máis sinxela e efectiva de tratar esta fracción, sendo a compostaxe individual e comunitaria as mellores alternativas para facer unha xestión de proximidade que, ademais, permiten obter un produto de valor engadido: o compost.
O concello do Rosal leva apostando fortemente pola compostaxe como alternativa ós problemas que xera o actual sistema de tratamento da fracción orgánica. Así o demostran os case 400 composteiros individuais que o concello leva repartidos á cidadanía, sen custe algún, dende o ano 2011. Naquela data, o concello deuse conta de que era imposible acadar os obxectivos de reciclaxe sen atacar a fracción orgánica, un razoamento agora apoiado dende Europa.
O compromiso co cambio na xestión dos residuos orgánicos afianzouse na adhesión do concello ó plan Revitaliza, un plan pioneiro da Deputación de Pontevedra que leva a compostaxe doméstica e comunitaria como buques insignia.
O mestre composteiro que agora se incorpora no concello foi formado precisamente no plan Revitaliza, nunha titulación única en España: mestría en compostaxe. Tras desempeñar diferentes función en varios concellos da provincia para completar a súa etapa formativa, superou un segundo proceso selectivo, tamén coordinado polo plan Revitaliza, para obter a mencionada praza no concello do Rosal. O apoio da Deputación de Pontevedra é tal que a propia Deputación, a través do Revitaliza, subvencionará a contratación do mestre composteiro durante os tres primeiros anos, momento no que o concello asumirá ó completo dita contratación.
A incorporación deste mestre permitirá afondar máis na consecución do obxectivo fixado polo concello: desenvolver unha alternativa ó sistema actual de xestión da fracción orgánica que sexa accesible para todos os cidadáns. Así as funcións principais do mestre composteiro abarcarán dende a coordinación no reparto de novos composteiro individuais, ata a posta en marcha e control dos composteiros comunitarios que se creen para dar unha alternativa ós cidadáns nos que non sexa viable o uso dun composteiro individual.

MC1

Modelo de composteiro comunitario como o previsto para ser instalado no casco urbano

mc2

Composterio individual entregado polo concello