O Rosal celebrou este mes de outubro as tradicionais Festas do Pilar e a XXXI Festa de lembranza e homenaxe ao Cabaqueiro, unha especial edición que durou tres días (11, 12 e 13) e que contou con diferentes e aplaudidas actuacións como -entre outras- a do grupo América, a da Banda da Agrupación Musical do Rosal ou mesmo a do grupo De Vacas.
Destacar igualmente as exposicións de traballos de restauración e cadros tridimensionais de Mari Hernández García ou a de pintura de Jesús Rodríguez Alfonso.
O evento “estrela”, a demostración de “taxicar cabacas e toupos a joucha” (facer tellas e ladrillos a man), xa un clásico no Baixo Miño, foi inaugurado pola alcaldesa da vila, Mª Carmen Alonso, quen deu a benvida aos asistentes á Praza do Calvario.
A concelleira de Cultura, Charo Tabales Perozo, foi a encargada de presentar á pregoeira deste 2018, a arqueóloga guardesa Alia Vázquez Martínez.
Baixo a presentación e crónica por megafonía do escritor local, Juan Ramón Martínez Barbosa, os cabaqueiros participantes comezaron o seu anual “espectáculo” para delicia do selecto público que se congregou nun día en verdade un pouco “danoca” polo mal tempo reinante pero que non defraudou a veciños e visitantes.
O Concello do Rosal quere agradecer dende aquí aos mestres telleiros “lasqueantes” a súa inestimable colaboración. Graciñas pois a Paco “Campelo”, Alfredo, Dino, Esteban, Juan Villa, Juan Vicente, Juan Rodríguez, Pepe “Buraco”, Praxíteles e Manuel Piedra.