ALBA RODRÍGUEZ VIDEIRA, veciña do Rosal ven de proclamarse campiona na 1ª fase do concurso anual de danza ANAPRODE 2017 que tivo lugar en Avilés, Asturias os días 11 e 12 de marzo e que reuniu a centos de mozas e mozos das escolas de baile máis prestixiosas do norte de España.
Escolas de toda Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e norte de Castela-León déronse cita para representar ás súas provincias nas modalidades de baile elixidas por cada centro.
As persoas clasificadas nesta final da 1ª fase do Norte de España, irán a Tarragona á Fase Final Nacional os días 5, 6 e 7 de maio de 2017.

Alba, natural de Martín no Rosal e de 17 anos xa amosou a súa afección cando con tan só 6 iniciouse no aerobic, posteriormente con 9 anos foi á escola de baile Xamaraina na Guarda e con 14 anos á escola de baile Marcando Pasos de Nigrán, onde estivo estes últimos anos e onde se preparou coas súas compañeiras para clasificarse coma unha das mellores escolas de baile do norte de España.

Alba acadou o primeiro premio individual con mención especial do xurado na modalidade de Danza Urbana, e dous primeiros premios grupais na modalidade Fusión.
Noraboa a Alba e moitos éxitos na súa andadura artística!!!!!!